martes, 6 de agosto de 2013

6



Decido mirar polo burato da porta, co martelo na man. A luz do corredor está prendida e podo ver como o meu único veciño, Fiz, volve a tentar abrir a miña porta tras outra noite de furor alcólico. Deixo o martelo no moble da entrada e abro a porta, para indicarlle o camiño ata a súa casa, un piso por arriba. Mañá non se lembrara de nada e dentro dunha semana a situación volverá a repetirse. Pensando agora, tiña que terme dado conta de que podía ser o Fiz, isto é algo que sucede frecuentemente, pero creo que a paranoia tomou de xeito claro o control da situación. Imaxino que agora tardarei en durmir pero...




Esperto ás dez e media, non moi cedo. Almorzo diante do portátil para rematar o artigo. Non me leva máis de dúas horas (non está de todo mal) e, cando acabo, volvo a ver brillar a luz do pen. Vou facer unha copia de todo o contido antes de deixarllo ao inspector Vilar.




Xa na rúa diríxome ata a comisaría, sitio que, creo, só pisei para facer o dni. Non teño feito denuncias ni fun arrestado xamais. Son moi pouco problemático, xa mo di a miña nai, que en lugar de terme chamado Casimiro puido poñerme Xan (algo que lle agradecería). Tras unha pequena confusión na porta, onde un axente tentaba explicarme que tiña que ir por unha porta se quería facer unha denuncia, mentres eu xesticulaba coas mans e balbucía o nome do inspector Vilar, unha amable muller policía (cunha fermosa mirada azul mar) conduciume ao seu despacho, unha especie de acuario cun gran cristal, no que todo o mundo pode ver como o inspector goza dun habano, deixando sen forza a lei antitabaco.

-Bos días, inspector.

-Vostede é o home que atopou o morto onte, non?

-Si, o caso é que onte a noite cando estaba na casa apareceu un tipo na miña porta preguntándome se o defunto me entregara algo. Cando dixen que ía chamar á policía marchou. Entón...

-Entón que?-Volvín a rúa e rebusquei na papeleira que estaba preto da navalla. Atopei isto.


O inspector mira cara ó pen, coma se lle estivese ensinando unha pistola láser. Nese momento fai un aceno de que estea calado e chama por teléfono, dicíndolle a unha tal Marisa que apareza polo despacho. Segue mirando intrigado o pen ata que entra no despacho cheo de fume (que fai que os meus ollos se enchan de bágoas) a muller policía que me acompañou hai un momento. Marisa explícalle o que é, cunha paciencia infinita, xa que o inspector ten o ordenador no seu despacho como un adorno inútil. A rapaza conecta o pincho e abre as carpetas. Volvo a ver as fotos e os planos que vin onte a noite. O inspector chisca un ollo, pon cara de interesante e lle di a rapaza que xa falara disto despois, que me quere preguntar algo.

-Tiña vostede algunha relación co Tirita?.- O inspector pode ver a miña cara de absoluta incredulidade e continua a falar.- Tirita é o alcume que tiña Antón Salgueiro, o home asasinado. Era un ionqui que frecuentaba outras zonas da cidade. Adicábase a trapichear e de cando en vez cometía algún pequeno roubo, pouca cousa. Sempre pensei que morrería de sobredose, era un tipo tranquilo. Pola cara que está a poñer vexo que non se coñecían. Ben, pode marchar cando queira. De todas formas chamareino por se temos algunha dúbida.


Saio da comisaría pensando en comer algo, seguramente na casa dos meus pais, que estarán esperando a miña chegada, xa que hoxe é mércores e suponse que é o día no que comemos xuntos os catro. Só quedo cunha dúbida da visita. Se ao ionqui lle chamaban Tirita e o seu nome era Antón, por que o pen drive está bautizado coma Pepe?

No hay comentarios:

Publicar un comentario