Non son quen de saber que é o que lle atrae de min. A miña falta de
beleza, a frecuencia dos meus desmaios, a miña verborrea atropelada,
a saber. Quizais ve algo, algo que os outros non son capaces de
albiscar, como se estivera agochado no meu interior. Impórtame ben
pouco, penso mentres a luz dos cirios ilumina o nosos corpos.
Durante un bo anaco deixo de pensar, adícome soamente a sentir, así
que cando rematamos, non sei moi ben o que ocorreu. Ela pon unha das
miñas camisas de cadros e prende un cigarro, mentres as candeas
proxectan a súa sombra sobre a parede baleira. Quedo mirando para
ela, seguramente con cara de paifoco. Sorrí, da unha calada ao pito,
e volve ao sofá para quedar abrazada a min, calada, sen saber que
dicir ou, ao mellor, sen querer dicir nada.
Pouco a pouco parece que vou espertando do cadro patolóxico de
idiotez, e pregúntolle que imos facer, pero ela non ten ganas de
contestar e recibo un bico que sela o meu silencio. Pouco a pouco
vamos quedando durmidos
Esperto
polos miañados da gata, que segue pechada na súa caixa. Boto algo
de comida no seu prato e libéroa. Eva segue durmida, facendo uns
sons bastante graciosos. Vou a cociña e preparo o café, mentres a
luz da maña vai penetrando pola ventá do salón. Esperta cando a
cafeteira asubía, da os bos días e pregunta onde pode coller unha
toalla. Soluciono o seu problema recollendo unha do triqui-triqui que
hai no patio de luces e agardo a que acabe de ducharse para almorzar.
Non estou moi cómodo, quizais o cheiro do tabaco, a gata histérica
mirando dende o alto do armario, unha muller duchándose no meu
cuarto de baño, a saber... almorzamos mentres falamos do caso, das
achegas do seu amigo informático, que lle mandou un mail
que está a ler no móbil. Di que cree que hai algo, os arquivos
teñen un tamaño maior do esperado, máis ou menos o dobre, pero
aínda non atopou a forma de sacar a luz o que esconde. Dos planos
dos edificios non saca nada en claro, aínda que seguirá
investigando.
Rematamos o almorzo (non é que houbera moito, a miña despensa é
moi triste) e ambos volvemos quedar calados, non queremos falar moito
do de onte a noite. Finalmente, farto do silencio, pregúntolle que
ten pensado facer hoxe. Respóndeme que quedar aquí, se non me
importa. Doulle un bico, a traizón, e responde con outra das súas
caras, cun aceno de tenrura que me deixa indefenso. Darémoslle unhas
voltas ao caso, a ver se somos quen de atopar algo.
Pasamos
a maña diante do ordenador, buscando cousas. Ningún quere saír a
rúa despois do meu intento de atropelo, así que a mellor solución
é quedar diante do portátil, comparando informacións, das que,
como non, non sacamos nada. Cando chega a hora da comida, marco no
teléfono o número do kebab
do barrio con servizo a domicilio, non hai nada que me guste máis.
Trala comida estamos tan fartos de non atopar nada que quedamos vendo
unha película, que non acabamos por que, tras tantos meses sen... de
seca, o meu corpo quere un pouco máis.
Unha
hora máis tarde o teléfono de Eva emite un ruído. Cando o vai
revisar di que é un mail
do seu amigo informático, que atopou algo. Parece que comparou un
plano dun dos edificios que estaban no pen
con outro plano que atopou en internet do mesmo edificio. Pois
resulta que os planos non son iguais, que o que temos nos agocha
varios cuartos no soto, que non aparecen no de internet. Quedámonos
mirando o un para o outro, sen saber moi ben que facer, ata que ela
toma a iniciativa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario