lunes, 5 de agosto de 2013

5



Gardo o pen drive no peto e volvo a casa, non sabendo se cravar o extremo usb na correspondente entrada do meu portátil. Cando atraveso o paso de cebra da esquina que da á miña rúa, vexo o cartel luminoso dun Döner Kebab, co nome de Samarcanda, e volvo a lembrar que teño que facer un artigo sobre Gengish Khan, deixando en segundo plano o que acabo de atopar. Maldita sexa, o conquistador non acaba de morrer de todo. Cando abro a porta do piso xa teño catro ou cinco ideas ás que arrimarme para facelo artigo. Unha visita á Wikipedia, algún adorno que atope en dúas ou tres páxinas de historia e o meu irónico toque persoal. Con iso será suficiente.

Acendo o portátil e espero pacientemente a que se poña en marcha. O primeiro que fago é buscar emperador mongol no buscador, pero a tentación aparece en forma de pen drive amarelo. Realmente aínda non pensei que vou facer con isto, pode que o axeitado sexa entregarllo á policía pero, por que non botar unha ollada antes? Non sería moi ético nin moi legal. Ou si, eu só atopei un pincho revolvendo nunha papeleira, pode ser que non teña nada que ver co asasinato. Convénzome de que é unha tese válida. Finalmente saco o pen e o introduzo na súa correspondente entrada. A ver que sae. Gengish Khan pode agardar a mañá.


O aparello ten nome, chámase Pepe, así que podo deducir que o nome do dono é o mesmo. Ten oito gygabites e seis carpetas. Cando vou abrir a primeira soa o teléfono, o fixo. Son as doce e media da noite e eu non adoito recibir chamadas a esta hora (a verdade é que nin a esta hora nin a ningunha outra). Deixo que dea tres tons para acabar collendo, con poucas ganas de facelo.

-Si?

-Casimiro García?

-Si.



-Son o home que pasou pola súa casa está noite, cando prendeu o aceite da súa cociña.

-Podo lembrarme, si.

-Quería volver a facerlle a mesma pregunta, o home morto doulle algo?

-Non, leveino cara ó ambulatorio, nada máis. Pódese saber a que ven todo isto?

-Non lle importa, señor García, grazas pola súa axuda. Adeus.


Non entendo este interese se non sucede nada estraño. Que pode haber neste pen? As carpetas seguen agardándome na pantalla do ordenador. A primeira pon Fotos e iso é o que atopo dentro, fotos de gaivotas, ovos, mar embravecido, casas vellas, retratos de homes e mulleres coas suficientes engurras coma para ter carisma, ese tipo de cousas. As outras carpetas teñen nomes de rúas e en cada unha aparecen planos de edificios, un detrás do outro. Como non son arquitecto non entendo unha merda de todo isto, así que decido entregalo todo mañá e poñerme unha media horiña co artigo de Gengish (ese nome vaise repetir de continuo nos meus soños). Entro na Wikipedia, repaso un par de webs de historia e deixo unhas cantas anotacións no documento. Era un tipo realmente malo. Marcho para a cama.


Unha das miñas particularidades é que tardo en durmir e outra que teño o sono lixeiro, o que se pode converter nun problema cando vives nunha zona con tráfico pesado e resides nun baixo. Pasou unha hora dende que me deitei e aínda non fun quen de durmir. Pecho os ollos e podo ver, outra vez, a boca do morto dándome as grazas por socorrelo. Así que cando oio ruídos que proveñen da porta, coma se alguén estivese intentando abrila, estou perfectamente esperto. O corazón comeza a palpitar con forza e as miñas mans están máis pegañentas polo suor que sae en modo fervenza. Vou á cociña, collo un martelo que uso para escachar patas de crustáceos e achégome á porta. Cando estou xusto diante teño xa tanto medo que temo desmaiarme.

No hay comentarios:

Publicar un comentario