lunes, 26 de agosto de 2013

26

A idea paréceme peregrina. Eu creo que o mellor é chamar ao inspector e que o asunto o resolva a policía. Pero Eva non está convencida, comeza a dicir que é sábado, que Vilar non se meterá no edificio ata o luns, que nese tempo poden pasar moitas cousas e que, se atopamos algo, sempre o podemos chamar. Non estou nada convencido, non sei, quizais a posibilidade real de morrer faga que teña máis reparos á hora de entrar, sen permiso, en edificios abandonados.

Ela comeza a vestirse mentres vamos falando, eu continuo en zapatillas sen inmutarme. Non vou a dar o meu brazo a torcer sen pelexar un pouco. Volvo a recorrer a chamar á policía, é o máis seguro, eles poden atopar pegadas, rastros de sangue, adn, que sei eu, nos non vamos a atopar nada que eles non atopen. E é aquí cando ela abre os planos no portátil e dime que nos xa atopamos algo que a policía non encontrou, sinalándoos co seu dedo índice. Teño que confesar que ten razón, pero que non é motivo para non chamalos, que ata agora o inspector estivo a apoiarnos. Non acabamos de poñernos de acordo, ela xa está vestida e eu sigo en zapatillas, dúas posicións irreconciliables. Así que fago unha proposta de consenso. Ir, si, pero de noite, cando se faga máis complicado que nos sigan sen que nos demos conta e, unha vez alí, mandarlle unha mensaxe ao inspector, antes incluso de non atopar nada. Eva sorrí e quita a chaqueta.

Pasamos o resto da tarde planeando como saír. Temos claro que é posible que haxa alguén vixiándonos, así que deberíamos marchar por separado e xuntarnos máis adiante. Eu podo coller un taxi e ela o seu coche, deixalo aparcado no centro e quedar nun punto de reunión. A partir de aí sería cuestión de achegarnos ao edificio e conseguir entrar. Iso vai a ser máis complicado, pero xa veremos.

Ás once e media da noite estamos listos, eu levo unha gorra e unhas gafas sen cristal que tiña na casa. Eva leva un chapeu negro e unha bufanda que lle tapa parte da cara. Sae ela primeiro e eu chamo o taxi. Quedamos en media hora nun bar do centro que se adica, fundamentalmente, a dar bocadillos de luras e empanadillas de carne. Por outra parte adoita estar ata os topes, así será máis sinxelo agocharnos. O taxi chega en dous minutos e eu xa estou na porta. Mirei ao meu arredor e non fun quen de descubrir a ninguén sospeitoso, e iso que estou a coller unha manía persecutoria ben pronunciada. Dígolle ao taxista que me leve ata o centro.

Chego sen novidade ao bar dos bocadillos, que está cheo. Eva non apareceu aínda, así que entro e sento na única mesa libre, unha preto do baño dende onde non podo ver a rúa. Un camareiro de camisa branca non tarda en chegar e pido un bocata de luras e unha cervexa.

Levo agardando quince minutos por Eva, estou a punto de rematar o bocadillo pero case non probei a cervexa. Pouco a pouco vou poñéndome nervioso, aínda máis do que xa estaba. As dúbidas van dun lado a outro na miña cabeza. E se a colleron? E se tivo un accidente? E se pensou que non era un bo plan? E se foi ela pola súa conta? E se non pensou nos riscos?

Pasaron outros vinte minutos e xa rematei a cervexa. Eva segue sen aparecer, o seu teléfono está apagado ou non ten cobertura. As preguntas e as dúbidas seguen a ser as mesmas, acompañadas agora de remordementos por ser tan frouxo. Se chamaramos a Vilar xa vería el o que facer co tema dos planos. Pero non, tiven que facerlle caso, deixar que gañara a partida, merda. E agora estou aquí, lamentándome por unha perda que non sei se é real. Onde está Eva?

No hay comentarios:

Publicar un comentario