Mira ti! Algo que vincula directamente ao señor Couto co señor
Dafonte. Antes de que poida asumir algunha teoría disparatada oio
como a auga ferve a cachón, así que boto un chorro de aceite e os
espaguetes. E que poden ter que ver estes dous? Un empresario e un
home do mundo criminal da cidade ao que vin saír dun dos edificios
da inmobiliaria do outro. Pouco hai que sacar, salvo que a relación
ten visos de existir. Din nas series de policías que non existen as
casualidades e, por unha vez, pode ser que teñan razón.
Cando probo os espaguetes están sen sal, como non podía ser doutra
forma. Son un cociñeiro pésimo, incapaz incluso de lembrar que hai
que botar sal ás comidas, consumo demasiados produtos precociñados.
Déixome de lerias e bótolles medio bote de tomate fritido e unha
lata de atún para acabar comendo diante do televisor, outra vez
coas noticias, coas mesmas noticias de corrupción, crise e empresas
afundidas. Acabo por apagar o televisor e deixo o prato no mesado da
cociña, onde vai esperar a súa quenda para ser lavado, algo que
ocorrerá nalgún momento, non agora, por que a sesta vai gañando a
batalla.
Esperto ás catro tras un soño revolto e de carácter sexual, que
tivo coma protagonista a unha mistura entre a caixeira do súper e
Eva. Misterios da mente humana, dígome ao despertar, mentres vou
esquecendo tódolos detalles. Retorno ao portátil onde me agarda un
pouco máis de busca. Esta vez o intento co señor Couto, pero parece
un pouco ridículo intentar atopar algo unicamente cun apelido. Só
saen persoeiros de distintos ámbitos pero ningún cun currículo
criminal, polo menos en aparencia. Soamente faltaría que isto mesmo
non o tivese feito o inspector Vilar (ou, máis seguramente, algún
dos seus subordinados). E se buscase aos matóns? Non, aquí nin
sequera teño un nome, só a imaxe dentro da miña cabeza. O de
sempre, unha calexa sen saída.
De súpeto soa a musiquiña do teléfono móbil, miro a pantalla para
ver que o número non está na axenda. Descolgo co medo de se alguén
preguntara “Casimiro García?”.
Maldivas. Mandeille as fotos e cando saiba algo chamará. Ti atopaches algo?
-Si, pero como é que tes o meu número?
-Son xornalista, lembras? Só tiven que buscar un pouco na rede e ao
final sempre atopas algo.
Explícolle que o edificio case en ruínas do que saíu o suposto
señor Couto é propiedade de Anxo Dafonte. Ela queda abraiada (sinto
non poder ver a expresión da súa cara) e dime que investigará un
pouco. Colga e eu quedo como estaba, atordado e sen saber que facer.
Sento no sofá, parece que o que resta de día vai ser tranquilo. A
gata achégase a por uns agarimos que non tardo en darlle. Prendo o
televisor e volvo a quedar teso, indiferente aos distintos programas
que vou cambiando, deixando que o meu hipotético cerebro reptiliano
escolla a canle máis apropiada para deixarme levar. O tedio vaise
apoderando pouco a pouco de min e non podo facer nada para
defenderme. Non me apetece pensar no caso e iso tampouco son quen de
logralo. Decido saír a rúa, a ver se me despexo. Collo unha
chaqueta, poño unhas zapatillas de deporte e xa teño o meu uniforme
habitual. Non sei, inconscientemente quero que suceda algo cando
atravese o albor da porta, por moito que saiba que o máis probable é
que se trate de algo non moi bo, coma un disparo ou unha navallada.
Parece que esta é a calma que precede a unha tormenta, unha que
semella estar a piques de chegar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario