viernes, 30 de agosto de 2013

30



O xeito co que se fan as cousas, escoller o momento preciso, o grao de meticulosidade e outros factores como a velocidade ou o interese determinan como van saír as accións que levas a cabo. Por exemplo, o malnacido que acaba de meterme o coitelo pola perna sabe o que fai, non estragou ningunha arteria importante, pero consegue que o sangue saía a chorro, como unha billa aberta. Aparte de causar unha dor que maldita sexa a puta que o pariu. Estou a gritar tanto que a máscara de tipo duro caeu ao chan e atópase feita pedazos. Estou berrando tanto que o señor Couto tapou os oídos, conservando un sorriso na súa face impenetrable, coma se fora Marlon Brando. Estou a sufrir tanto que Eva desfíxose en bágoas.

O encapuchado colle o ferro oxidado e, nun arranque de crueldade, golpea con forza a ferida que acaba de facer co coitelo. Volvo gritar e non deixo escoitar a voz que berra dende o alto da escaleira, unha voz que, aínda así, me resulta coñecida, rascada e grave, de fumador de puros. O inspector Vilar sostén unha pistola na súa man dereita e baixa agarrado á varanda coa esquerda, seguido de catro policías uniformados, todos coas súas armas na man. O señor Couto retrocede ata a nosa posición, sen darlles as costas, mentres que o matón encapuchado deixa o coitelo preto do meu pescozo. O operador de cámara cruza os brazos trala súa caluga e ponse de xeonllos, como se non fora a primeira vez que o van deter.

-Creo que nos coñecemos, non?- Vilar pregunta directamente a Couto, que non cambia a cara, por moito que a arma do inspector apunte directamente cara el.

-Si, pode ser que teña intentado determe antes, pero que eu saiba aínda non o logrou.

-Eu creo que iso pode solucionarse hoxe, señor Couto. Deben deixar as súas armas e poñerse na mesma posición que ese de aí, que parece o máis listo dos tres.


O señor Couto parece máis maior, dubida. O encapuchado segue co coitelo no meu pescozo e parece que vai facer o que lle diga Couto. Pero Couto perdeu a tranquilidade que debe ter un señor Lobo dos Baixos Fondos, esta é moita merda que limpar, todo se emporcou nun intre, mentres o meu sangue segue a fluír cara ó chan, deixando unha metáfora ben visible do que está a pasar.

Vilar vai acercándose, pouco a pouco. Leva a pistola co brazo ben estendido, apuntando ao medio dos ollos de Couto, que vai metendo a man no peto no que garda a pistola. Unha gota de suor xorde da súa fronte. Non podo ver os ollos do encapuchado pero noto como o seu pulso non é moi firme. Vilar está xa a dous pasos do charco do meu sangue.

-Tire o que sexa que leva no peto, non faga que lle pegue un tiro.- Di Vilar, que agora mira a ao encapuchado.- E ti vai deixando o coitelo se non queres que Marisa che salte os miolos.

O do coitelo non aguanta máis e deixa o arma no chan. Vilar da uns pasos máis e o señor Couto levanta a man que lle queda libre e saca, con dous dedos, a pistola do peto. O seu xesto non indica que sexa quen de sentir ningunha emoción. O inspector achégase, dálle a volta e empúrrao contra a parede, sen excesiva violencia, mentres saca as esposas. Os outros policías apresan aos outros dous matóns (mansiños coma años), sóltannos e chaman a unha ambulancia, imaxino que para min. Eva, en canto a liberan, abrázame, chorando como unha Magdalena e dime ao oído entre saloucos:


-Ves coma tiña un plan?


Pregúntome que merda de plan é este no que acabo torturado por unha banda de psicópatas. Non son quen de responderlle por que parece que ao final non vou ser capaz de non desmaiarme...

No hay comentarios:

Publicar un comentario